Friday 26 de April de 2024

O Pleno de Frades aproba por unanimidade solicitar xunto aos concellos de Ordes e Mesía un obradoiro de emprego de case 570.000 €


O obradoiro “Brañas do Illó-Río Samo V” formaría a 20 persoas desempregadas en repoboacións forestais, tratamentos silvícolas e actividades auxiliares de conservación e mellora do monte

O Concello de Frades celebrou o pasado venres a sesión plenaria ordinaria de maio na que aprobou por unanimidade solicitarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria unha subvención de 503.000 euros para desenvolver o obradoiro de emprego “Brañas do Illó-Río Samo V”, promovido polos concellos de Frades, Mesía e Ordes. Un obradoiro dual que formará a 20 persoas desempregadas, durante 9 meses e outros 3 de prácticas en empresas, nas modalidades de repoboacións forestais, tratamentos silvícolas e actividades auxiliares de conservación e mellora do monte.

O proxecto conta cun orzamento inicial de 570.000 euros, dos que algo máis de 66.000 euros serán achegados polos tres concellos participantes. Unha vez máis, o Concello de Ordes será a entidade encargada da xestión do proxecto, que formará a un total de 20 persoas desempregadas (10 de Ordes, 5 de Frades e outras 5 de Mesía) durante un período de 12 meses, 3 dos cales serán facendo prácticas nas empresas que colaboren co obradoiro e ás que a Xunta de Galicia subvencionará 500 euros por cada alumno/a durante 3 meses.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, adiantou os traballos que acometería o alumnado deste obradoiro incluirían traballos de mellora e posta en valor das áreas recreativas do municipio (Ponte Carballa en Abellá, A Presa en Ledoira, O Muiño de Céltigos e Os Pasos de Aiazo), así como as contornas dos distintos locais sociais das parroquias e lugares como a piscina municipal (Papucín), as prazas de Moar e Papucín, o punto limpo Frades-Mesía (Céltigos), a contorna de San Nicolau (Frades), entre outras actuacións.

Ademais das actas da sesión anterior, o pleno so incluíu informes do alcalde, xa que non houbo mocións e na quenda de rogos e preguntas só se presentaron dous rogos do grupo socialista.